O IGC achega o consumo responsable ao alumnado de 4º ciclo da Universidade de Santiago

11/Out/2013
Santiago

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu hoxe, acompañada do rector de 4º ciclo, a presentación do programa de actividades formativas que a Escola Galega de Consumo desenvolverá en colaboración coa USC para o alumnado de 4º ciclo. Este programa, que se encadra dentro do convenio asinado entre o Instituto Galego de Consumo e a propia Universidade de Santiago, instruirá ao alumnado de maior idade en distintos aspectos de consumo responsable, ao tempo que lles permitirá adquirir coñecementos relacionados co comercio electrónico.

Neste sentido, a través do simulador de compras da Escola Galega de Consumo, os participantes aprenderán coñecementos básicos sobre as compras a través de Internet. Así mesmo, aproximaranse aos dereitos que as persoas consumidoras teñen ao adquirir produtos en Internet, así como as vías previstas para exercer estes dereitos.

"O curso ofrece coñecementos moi importantes para este alumnado, ao permitirlles comprender as posibilidades que ofrece Internet para o seu día a día", explicou Vázquez Abeal, quen tamén sinalou a importancia das nocións de consumo responsable que se abordarán, principalmente de alimentación, así como a influencia de factores externos nos hábitos de compra.

Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta de Galicia a través do IGC, continúa a traballar na mellora da formación da cidadanía en materia de consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

Área temática

Galería de imaxes