A directora Xeral de Comercio, Nava Castro, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz Chesa, asinan un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra
A oficina de atención ao consumidor provincial atenderá directamente aos consumidores e usuarios da cidade de Pontevedra e aos veciños dos concellos que non conten con Oficinas Municipais de Información ao Consumidor (OMIC) e teñan menos de 5.000 habitantes
O IGC realizará unhas xornadas nas que se informará aos pequenos emprendedores sobre os gastos e as comisión bancarias, créditos hipotecarios, tarxetas de crédito, reunificación de débedas, aforro e consumo sostible, publicidade e prezos
Santiago, 29 de Setembro de 2009.-

A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz Chesa, veñen de asinar un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra en materia de consumo, en virtude do cal se creará a primeira oficina provincial de información ao consumidor de Galicia, con sé na Deputación Provincial de Pontevedra.

O obxectivo deste convenio é cumprir cun dos compromisos prioritarios da Consellería de Economía e Industria para mellorar o servizo de atención e información aos consumidores galegos, de xeito que ao abeiro deste acordo establecerase tamén unha rede provincial de información ao consumidor, e promocionarase a difusión do sistema arbitral de consumo de Galicia na provincia de Pontevedra e de diferentes accións de formación e educación en materia de consumo.

Na provincia de Pontevedra estanse a recibir o 36% das reclamacións de consumo e case a metade das solicitudes de arbitraxe presentadas en toda Galicia (47%), asemade o concello de Pontevedra é o único das sete grandes cidades de Galicia que non dispón dunha OMIC. Por ese motivo, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e do Instituto Galego de Consumo, en colaboración coa Deputación, están a promover a mellora destes servizos na provincia e na cidade.

A primeira oficina provincial de información ao consumidor de Galicia prestará servizo e asesoramento aos cidadáns da capital e aos concellos da provincia, de xeito especial aos que non teñan OMIC e, en particular, aos de menos de 5.000 habitantes. Na oficina, con sé na Deputación Provincial, atenderase de maneira directa aos consumidores e usuarios da cidade, cubrindo así as carencias do concello e promoverase a resolución extraxudicial dos conflitos e as reclamacións dos consumidores e usuarios da provincia.

Neste convenio tamén se contempla a posta en marcha por parte do Instituto Galego de
Consumo, a través da Escola Galega de Consumo e en colaboración coa Deputación de
Pontevedra, dun foro sobre economía e consumo en concellos da provincia que permitirá dotar ás familias e ao comercio retallista das ferramentas axeitadas para paliar as
consecuencias da actual conxuntura económica.

Ademais, coa celebración destas xornadas tamén se asesorará e informará a estes
pequenos emprendedores sobre os gastos e as comisións bancarias, créditos hipotecarios,
tarxetas de crédito, reunificación de débedas, aforro e consumo sostible, publicidade e
prezos.

Ademais, a Deputación provincial de Pontevedra exercerá labores de asesoramento e
colaborará co Instituto Galego de Consumo para sentar as bases dunha rede de OMIC na
Provincia de Pontevedra, coa finalidade de que se poñan en marcha actuacións de
inspección de consumo e control do mercado, transmisión de información e detección de
produtos inseguros, mais asesoramento e formación sobre seguridade dos mesmos.

No que atinxe as necesarias accións de difusión do sistema arbitral de consumo que levará
a cabo a Deputación de Pontevedra, cómpre sinalar que esta arbitraxe constitúe a vía
extraxudicial executiva para solución de conflitos entre os consumidores e as empresas e
profesionais.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria facilita aos pequenos emprendedores
coñecementos útiles para afrontar a actual conxuntura económica e mellorar a xestión dos
seus negocios, ao mesmo tempo que protexe os dereitos dos consumidores reforzando as
estruturas administrativas encargadas de controlar os produtos do mercado e atendendo as
reclamacións dos cidadáns en materia de consumo facilitándolles a información que
precisan.

Temática:
Outros