O IGC conmemora o Día Mundial do Consumidor abrindo o laboratorio de consumo a escolares e consumidores
O centro situado na Coruña recibirá a vindeira semana a usuarios da Federación de Consumidores Brétema e unha visita de alumnos da ESO
Galicia notificou o ano pasado un total de 71 produtos inseguros á Rede de alerta nacional grazas a un traballo proactivo de vixilancia e control do mercado, no que o Laboratorio xoga un papel clave
O Instituto Galego de Consumo lembra a través da súa páxina web os dereitos das persoas consumidoras e usuarias con motivo da celebración do 15 de marzo
Santiago, 14 de Marzo de 2015.-

O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, conmemora a celebración do Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores abrindo o Laboratorio de Consumo de Galicia a escolares e consumidores. Así, o vindeiro martes 17 visitarán este centro situado na Coruña, cuxo traballo en coordinación coa Inspección de Consumo sitúa a Galicia á cabeza na vixilancia e seguridade dos produtos de consumo, alumnos de 4º da ESO do colexio Compañía de María da Coruña, mentres que o xoves 19 ás 11:30 horas poderán coñecer de preto o Laboratorio usuarios da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios ? BRÉTEMA.

Achégase así á sociedade o labor dun departamento que ten permitido que no 2014 o Instituto Galego de Consumo notificase un total de 71 produtos inseguros á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), grazas a un traballo proactivo de vixilancia e control do mercado que sitúa ao IGC como a segunda autoridade autonómica de consumo que detectou máis produtos inseguros durante o ano pasado.

Neste eido, o Instituto Galego de Consumo céntrase na prevención e na corrección do mercado, desenvolvendo estratexias para garantir que os produtos que chegan ao consumidor son totalmente seguros. Así, no Laboratorio de Consumo de Galicia realizáronse o ano pasado máis de 7.600 análises de produtos, o que supón case duplicar a cifra de 2008.

No seu traballo a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Instituto Galego de Consumo tramitou o ano pasado máis de 21.200 reclamacións, das cales se resolveron xa un 45%. No tocante á arbitraxe, o ano pasado emitíronse preto de 3.600 laudos arbitrais, chegando nun 77% dos casos a acordos favorables para o consumidor. No ámbito da formación, a Escola Galega de Consumo organizou en 2014 un total de 186 actividades, ás que asistiron preto de 7.000 persoas.

Día Mundial do Consumidor

O 15 de marzo celébrase cada ano o Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores, un acontecemento que foi instaurado en 1983 por Nacións Unidas para concienciar sobre os dereitos que asisten a todas as persoas como usuarios e consumidores.

Coas actividades programadas no Laboratorio, o IGC súmase á iniciativa do Comité Europeo Económico e Social, que enfoca o European Consumer Day á análise sobre as tendencias actuais no consumo. Nas xornadas que se van celebrar a vindeira semana informarase sobre o papel do Laboratorio como vixiante do mercado, e poderanse coñecer os diferentes ensaios que se levan a cabo en produtos como xoguetes, artigos de puericultura, electrodomésticos, téxtiles ou equipamento técnico.

Ademais destas actividades, con motivo da celebración do 15 de marzo o Instituto Galego de Consumo lembra a través da súa páxina web os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, en eidos como a protección da saúde e seguridade; a protección dos intereses económicos e sociais; a educación e formación en materia de consumo; así como o dereito á representación, consulta e participación e o dereito a unha información veraz e axeitada.

Temática:
Outros