A través da campaña Infonadal póñense en marcha actuacións específicas de inspección e análise centradas nos xoguetes para menores de tres anos, nos xoguetes con pilas, nos envasados en bolsas e nas grilandas luminosas.
Grazas a esta iniciativa, que chega á súa quinta edición, desenvolvéronse desde o 2009 máis de 35.000 actuacións, que supuxeron a retirada ou destrución de preto de 4.300 unidades de xoguetes
A iniciativa inclúe tamén accións formativas destinadas aos consumidores, que chegaron na última edición a máis de 1.200 persoas.
Santiago, 6 de Decembro de 2013.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, unha iniciativa que, de cara ás compras do Nadal, intensifica as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos. A iniciativa inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas. 

Os controis realizados céntranse nos xoguetes, produto de consumo masivo nestas datas, e, entre eles, nos xoguetes para menores de tres anos, nos que teñen pilas, nos envasados en bolsas e nas grilandas luminosas. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos. 

Na realización destes controis participa o Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos. O IGC tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas. 

No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro. 

Grazas á campaña Infonadal desenvolvéronse desde o 2009 preto de 35.000 actuacións, que supuxeron a retirada ou destrución de preto de 4.300 unidades de xoguetes e de máis de 630 grilandas.

A posta en marcha desta iniciativa enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo. Así, Galicia detectou o 28% dos produtos notificados en 2012 á Rede de Alerta Nacional de produtos non alimentarios. Do total de 649 alertas en toda España, Galicia informou de 179, situándose en primeiro lugar, por enriba de Madrid e Cataluña. 

Consellos para mercar os xoguetes Á hora de mercar os xoguetes o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE. 

Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios. 

Formación e información Nesta campaña Infonadal tamén se inclúen accións formativas a través da Escola Galega de Consumo (EGC), sobre as compras de Nadal en xeral e a compra de xoguetes en particular. Os destinatarios destas charlas, que o ano pasado chegaron a máis de 1.200 persoas, son fundamentalmente as asociacións de consumidores e usuarios e no ámbito escolar as asociacións de pais e nais, ademais do propio alumnado e outros colectivos que poidan estar interesados. Estas accións formativas céntranse en aspectos de seguridade e analizan ademais a publicidade nos xoguetes en función da idade. Os asistentes tamén afondan nos dereitos e deberes das persoas consumidoras e como exercelos. 

Temática:
Compras
ProdutosXoguetes