Estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están a venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa.
As actuacións, que se centran en disfraces, máscaras e perrucas destinadas aos nenos, inclúen tamén análise de mostras no Laboratorio Galego de Consumo.
Estanse a difundir consellos a ter en conta á hora de mercar, recomendando un consumo responsable como medida de prevención de accidentes.
Santiago, 25 de Febreiro de 2014.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido. 

Así, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo. 

A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar no Laboratorio de Consumo unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro. 

A posta en marcha desta iniciativa enmárcase na intensa labor do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo. 

No tocante aos produtos de entroido e disfraces, como resultado das actuacións que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo ao longo do ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional un total de 15 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 38 mostras no laboratorio. Desde o ano 2009, o total de disfraces alertados foi de 95. 

Consellos á hora de mercar A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de información, distribuíndo a través de internet e entre colectivos de consumidores diferentes consellos e recomendacións. Así, desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos. 

Desde o Instituto recórdase que os disfraces para nenos teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiqueta a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior. 

Os disfraces dos nenos non deben levar cordóns na zona do pescozo nin botóns ou outros compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Tampouco se permiten cordóns, fitas, etc, que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa. 

Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo. Ademais, despois hai que quitar a maquillaxe axeitadamente.

Temática:
Compras
ProdutosCosméticos
ProdutosTéxtil, calzado e complementos
ProdutosXoguetes