A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, abriu unha xornada na que se presentou o simulador eléctrico do IGC, que permite aos usuarios obter información sobre os diferentes elementos da factura eléctrica.
Os asistentes puideron resolver as súas cuestións ao respecto e coñecer diferentes medidas para reducir o consumo enerxético.
IGC tramitou o ano pasado preto de 600 reclamacións no eido da enerxía eléctrica en Pontevedra, das cales preto do 40% xa foron resoltas de forma favorable para o consumidor.
Pontevedra, 16 de Febreiro de 2014.-

A Directora Xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, abriu esta tarde unha xornada para persoas consumidoras dentro da campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

No encontro, no que participaron a Asociación de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas e a Asociación de Consumo e Iniciativa Social de Marín e a Asociación O noso Las de Vilagarcía de Arousa, as persoas consumidoras tiveron ocasión de coñecer o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web do Instituto Galego de Consumo que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

Os asistentes á xornada celebrada en Pontevedra puideron consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Ademais, recibiron consellos de técnicos do Inega sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

A oficina do Instituto Galego de Consumo en Pontevedra tramitou no 2013 preto de 600 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, das cales preto dun 40% xa foron resoltas de xeito favorable para as persoas consumidoras. Isto deixa de relevo, tal e como salientou Sol Vázquez, non só a necesidade de campañas como Dálle luz á túa factura, senón tamén a importante labor que desenvolve o IGC na resolución extraxudicial de conflitos.

Ademais de charlas como a realizada hoxe en Pontevedra, a campaña contempla máis de 600 actuacións que beneficiarán a medio cento de concellos galegos e a 50 entidades que inclúen ás asociacións de persoas consumidoras. A todos eles facilitaráselles formación para o seu persoal co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Así mesmo, a través da Escola Galega de Consumo realizaranse obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade, ao tempo que se incluirá Dálle luz á túa factura na programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da AMTEGA.

Temática:
SubministrosElectricidade