Os consumidores vigueses aclaran as súas dúbidas sobre o recibo eléctrico coa iniciativa da Xunta "Dálle luz á túa factura".
A delegada da Xunta, María José Bravo, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, abriron unha xornada informativa na que se explicou o simulador eléctrico do IGC, que permite aos usuarios obter información sobre os diferentes elementos da factura eléctrica
O IGC tramitou o ano pasado 390 reclamacións no eido da enerxía eléctrica en Vigo, das cales preto do 90% xa foron resoltas.
Os asistentes puideron resolver as súas cuestións ao respecto e coñecer diferentes medidas para reducir o consumo enerxético.
A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, abriron esta tarde en Vigo unha xornada informativa dentro de Dálle luz á túa factura.
Vigo, 1 de Marzo de 2015.-

A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, abriron esta tarde en Vigo unha xornada informativa dentro de Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

No encontro, no que participaron diferentes asociacións de consumidores locais, os asistentes tiveron a ocasión de coñecer o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web do Instituto Galego de Consumo que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo. Os participantes na xornada celebrada en Vigo puideron consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Ademais, recibiron consellos de técnicos do Inega sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar. A oficina do Instituto Galego de Consumo en Vigo tramitou no 2013 un total de 390 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, das cales preto do 90% xa foron resoltas.

Temática:
Outros