O Instituto Galego do Consumo e da Competencia aproba o plan ECOMMERCE 2021
Prevese un total de 200 actuacións
Santiago de Compostela, 8 de Marzo de 2021.-

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de aprobar un novo plan de inspección de comercio electrónico para o ano 2021,  publicado luns 1 de marzo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A posta en marcha de plans anuais neste eido enmárcase na estratexia de protección das persoas consumidoras que desenvolve o Goberno galego, en liña coa Axenda Europea do Consumidor: a transformación dixital, as persoas consumidoras vulnerables, e a formación e educación sostible, económica, integral e inclusiva.

Á hora de elaborar as actuacións no ámbito do comercio electrónico para este ano, tivéronse en conta os hábitos no consumo derivados da pandemia e a experiencia da Inspección de Consumo nos anos 2019 e 2020 no control do ecommerce.

O número de actuacións previstas é dun total de 200. Nunha primeira fase, prevista para o segundo trimestre, realizarase un control da información e publicidade nas páxinas web a través de dilixencias da Inspección de Consumo.

A segunda fase estará dirixida a comprobar a seguridade do produto e veracidade da etiquetaxe mediante a realización de tomas de mostras obtidas a través de compras en liña.

As actuacións desenvolveranse nos seguintes produtos e sectores: máscaras hixiénicas, equipos de protección individual, produtos e artigos para a práctica deportiva (fitness), roupa e calzado de deportes, roupa  homewear, artigos para o fogar, decoración e xardinería, produtos de electrónica, informática e ofimática, servizos de mantemento e reparación a domicilio, de rehabilitación e decoración de vivendas, prestación de contidos dixitais (streaming,  download dixitais), e control da publicidade de produtos alimenticios.

As comprobacións previstas para 2021 centraranse nos seguintes aspectos:

Prezo por unidades de medida e se son completos, impostos incluídos.
Desistencia: prazo publicitado para o seu exercicio.
Gastos de devolución vinculados ao exercicio do dereito de desistencia, de ser o caso.
Control de cláusulas que limiten de forma abusiva a responsabilidade do empresario.
Verificar se figuran os datos de identificación do responsable: nome,  CIF/ NIF, teléfono, correo electrónico e enderezo completo.
Condicións das garantías, de ser o caso.
Xurisdición e sometemento aos tribunais correspondentes ao domicilio do consumidor.

No ano 2020 realizáronse a través deste plan campañas de control no ecommerce en ámbitos como:

Máscaras hixiénicas, cirúrxicas e EPIS (comprobando que se achega información veraz e obrigatoria, publicidade, control de prezos, etc).
Antisépticos para pel sá, xeles e solucións hidro-alcohólicas: etiquetado e publicidade.
Publicidade de xogo.
Campaña de control de créditos rápidos ao consumo.

Temática:
ComprasCompras en internet