A Xunta continúa co proceso de escoita activa para a elaboración da nova Estratexia de protección das persoas consumidoras

26/Xan/2026
Santiago de Compostela
Reunión ucgal

 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa presidenta e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Rocío Arnoso e Miguel López, respectivamente, no marco da elaboración da nova Estratexia de protección das persoas consumidoras e usuarias. Esta xuntanza forma parte do proceso participativo e de escoita activa coas organizacións de persoas consumidoras e usuarias para lanzar a futura folla de ruta en correspondencia cos pasos que se están a dar a nivel europeo e nacional.

Neste sentido, súmase á celebrada hai uns días con representantes da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema. Tamén forma parte da colaboración da Xunta con estas entidades a prol da atención ás persoas consumidoras. Neste ámbito, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas así como co teléfono de balde 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 h e de 17,00 a 19,00 h de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo. 

Área temática

Galería de imaxes