A Xunta expón ao sector a nova estratexia de protección das persoas consumidoras co foco nos riscos dixitais e nos colectivos máis vulnerables
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participou hoxe na xornada de presentación da Estratexia Galega de Protección das Persoas Consumidoras e Usuarias 2026-2030. A nova folla de ruta autonómica está integrada por 21 medidas para adaptar as políticas públicas de consumo aos cambios sociais, económicos e tecnolóxicos dos vindeiros anos, con especial atención aos colectivos máis vulnerables e aos desafíos derivados da dixitalización, da intelixencia artificial ou da transición ecolóxica.
González salientou que a Estratexia, articulada arredor de tres eixes —protección e equidade no mercado dixital, consumo sostible e responsable e mellora da xestión, formación e información—, sitúa as persoas no centro das políticas de consumo, con especial atención aos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores e os menores.
Neste sentido, subliñou entre as principais novidades a creación dunha Xanela +65, que permitirá ofrecer unha atención adaptada ás necesidades das persoas maiores e facilitar a resolución dos seus conflitos de consumo; o reforzo da protección dos menores fronte aos riscos do ámbito dixital, como a publicidade encuberta ou as compras dentro dos videoxogos; a axilización da tramitación das reclamacións, e o fortalecemento da seguridade e da trazabilidade dos produtos, especialmente daqueles procedentes de terceiros países e comercializados a través de internet. Neste último ámbito, o conselleiro puxo en valor o labor do Laboratorio de Consumo de Galicia, fundamental para garantir o control efectivo do mercado.
Consumo responsable e axilización das reclamacións
Ademais, a Estratexia aposta por avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible e responsable, que favoreza un mellor aproveitamento dos recursos, a reutilización e a reparación dos produtos, ao tempo que combata prácticas enganosas como o greenwashing. A este respecto, González incidiu nas sinerxías entre esta folla de ruta e o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, destacando que o consumo responsable e de proximidade contribúe a fortalecer o tecido comercial das vilas e cidades.
No ámbito da xestión, avanzou que se impulsará a dixitalización das reclamacións, aproveitando tamén as posibilidades da intelixencia artificial, así como a mediación e a arbitraxe. Tamén se reforzará a colaboración coas oficinas municipais, concellos e asociacións, crearase un repositorio dixital de normativa e xurisprudencia e potenciaranse a formación e a información a través da Escola Galega de Consumo, con atención á educación financeira, a vivenda, a IA e a protección de datos.
O conselleiro subliñou que a Estratexia nace dun proceso participativo coas principais entidades do sector, coas que se manterá unha colaboración permanente mediante foros periódicos. Finalmente, puxo en valor os máis de 30 anos de traxectoria do Instituto Galego do Consumo e da Competencia na resolución de conflitos, o control do mercado, a formación e a defensa das persoas consumidoras.