O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) ten en marcha unha nova edición dirixido ás asociacións, aos concellos, aos colexios e aos campamentos de verán que realizan ou organizan algún tipo de actividade lúdica ou formativa durante o período estival
O programa desenvolverase ata o 31 de agosto e o prazo de inscrición está aberto ata que se esgoten as prazas existentes
O ano pasado participaron nestas actividades uns 2.000 rapaces e rapazas de 23 concellos galegos diferentes
Santiago de Compostela, 10 de Xullo de 2019.-

Como en anos anteriores e con motivo da chegada do verán, a Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), pon en marcha unha nova edición do Programa LecerConsumo: “Este verán súmate ao consumo responsable e san!”, dirixido ao conxunto da poboación galega en xeral, e de xeito específico a aqueles colectivos que realizan ou organizan algún tipo de actividade lúdica e/ou formativa durante este período estival.

 

LecerConsumo ten como obxectivo achegar de forma lúdica os conceptos básicos de consumo responsable e do lecer a través de diferentes actividades, deseñando unha oferta formativa adaptada ás necesidades de cada colectivo destinatario, na procura de dar resposta aos intereses e inquedanzas de cada un deles.

 

O programa consta de diferentes actividades segundo as idades e os intereses do grupo destinatario:

 

De 3 a 6 anos. Xogueteando: un lecer diferente! Existen moitas maneiras de aproveitar o lecer sen ter que comprar xoguetes. A actividade consiste na narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea principal de que non é preciso pedir moitos xoguetes para gozar do lecer, propoñendo outras alternativas; traballando ademais, os xoguetes seguros e sen riscos. A continuación os nenos e nenas crean o seu propio xoguete (un dos animais do conto traballado previamente).

 

De 7 a 12 anos. A xincana do consumo activo e divertido! Nesta actividade os rapaces e rapazas participarán nunha xincana, onde as probas estarán relacionadas con diferentes temáticas do consumo responsable, como as cores e o slogan empregados na publicidade, a pirámide dos alimentos ou o código PEGI aplicable aos videoxogos. Finalmente, cada grupo deseña unha portada dun videoxogo facendo referencia a unha actividade de lecer activo sen consumo e dende a cal se inclúa algún elemento característico da súa localidade.  

 

De 13 a 14 anos. Publicistas por un día! Os rapaces e rapazas converteranse en publicistas mediante a realización de distintas actividades. Deste xeito poderán coñecer os elementos da publicidade e os diferentes códigos publicitarios: música, slogan, personaxes ou cores empregados habitualmente nos anuncios, rematando coa gravación do seu propio anuncio.  

 

De 15 a 17 anos. Consumo na rede! Ofrécese un obradoiro dinámico e divertido no que as persoas participantes analizarán o consumo na rede, reflexionando sobre a cantidade que se lle dedica e analizando as vantaxes e os principais riscos no uso de internet.

 

Maiores de 18 anos. No verán, coñece os teus dereitos como consumidor! Charla participativa que ten como obxectivo fomentar o coñecemento sobre as alternativas de lecer responsable, centrándonos nos dereitos das persoas consumidoras e usuarias. Ademais, profundarase nunhas recomendacións de consumo responsable no ámbito do lecer e da época estival.

 

O programa desenvolverase desde o día 1 de xullo ata o 31 de agosto e o prazo de inscrición está aberto ata que se esgoten as prazas existentes.

 

Durante as mesmas datas do ano pasado participaron nestas actividades uns 2.000 rapaces e rapazas de 23 concellos galegos diferentes.

 

As asociacións, colexios, concellos e campamentos que queiran participar poderán inscribirse na páxina da Escola Galega do Consumo:

 

 http://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades/lecerconsumo

 

Máis información:

Nos teléfonos 881 999 091 e 881 999 075 ou a través do correo electrónico igc.escuela@xunta.es.

Temática:
Outros