A Xunta lanza ´Consumo en ruta: coñece os teus dereitos´ para achegar o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a todo o territorio

16/Abr/2025
Santiago de Compostela

A Xunta lanza o programa Consumo en ruta: coñece os teus dereitos, unha das máis de 70 accións recollidas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. O obxectivo principal é achegar o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) a todo o territorio galego, a través de accións formativas e de resoluicón de dúbidas dos participantes.

A iniciativa de carácter gratuíto, pon a disposición de todos os municipios de Galicia, 3 obradoiros de diferente temática cunha duración de arredor de 60 minutos cada un. Os concellos que soliciten a súa participación poderán elixir entre calquera das tres actividades propostas ou optar á totalidade delas.

Baixo os títulos de Coñece e defende os teus dereitos como consumidor; Os teus dereitos básicos na subministración do fogar e Servizos financeiros e bancario, as actividades ofertadas por Consumo en ruta finalizan cun espazo aberto de resposta a calquera dúbida en materia de consumo, teñan ou non relación coa materia a tratar na correspondente sesión formativa.

Educación en materia de consumo

A través deste programa convídase á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos. Entre estes recursos figura o teléfono de balde do IGCC —900 23 11 23—, as oficinas situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol e os convenios asinados coas diferentes organizacións de consumidores de Galicia.

No caso das tres décadas de andaina que acumula o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a súa acción a favor das persoas consumidoras e usuarias reflíctese no balance global que acumula, con case un millón de consultas rexistradas, preto de 500.000 reclamacións e uns 27.000 expedientes sancionadores por un importe de case 150 millóns de euros.

Área temática

Galería de imaxes