A Xunta lanza unha nova edición do programa formativo InfoNadal Consumo

05/Nov/2019
Santiago de Compostela
InfoNadal

No período de Nadal aumenta o nivel de consumo con motivo das celebracións propias destas datas e da compra de agasallos. Para promover a reflexión sobre os hábitos de consumo e fomentar un consumo responsable, a Escola Galega do Consumo ofrece cada ano o  programa InfoNadal Consumo, que abrangue tanto actuacións formativas, que se desenvolven en asociacións e centros escolares, como unha campaña de seguridade de xoguetes e produtos de decoración. Esta edición do programa InfoNadal Consumo, que leva por lema: "Este Nadal, menos é mais. Por un consumo responsable", vén de abrir o seu prazo de inscrición e xa conta con máis de 3.000 persoas inscritas.

 

As actividades desenvólvense tanto nas instalacións da Escola Galega do Consumo, equipadas de xeito específico para a súa realización, como no lugar solicitado pola persoa ou entidade solicitante, e hainas dirixidas a todas as idades, para abranguer o conxunto da poboación galega.

 

"Pido, pido... con sentido!" vai dirixida a nenos e nenas de 3 a 7 anos e consiste na narración dun conto que ten como finalidade promover unha escolla de agasallos non influenciada pola publicidade e o xénero, afondando na elección dos xoguetes seguros e sen riscos. Para isto, cada nena e neno creará o seu propio xoguete.

 

"Publicidade e agasallos, que pido este ano?" oriéntase aos rapaces e rapazas de 8 a 12 anos e ofrece unha charla participativa en que as nenas e nenos reflexionarán sobre como inflúe a publicidade na elección dos agasallos e a importancia de coñecer as características reais dos produtos. A continuación crearán un cartel publicitario sobre un produto novidoso para estas datas, tendo en conta o traballado.

 

"A influencia da publicidade na escolla dos agasallos" diríxese aos rapaces e rapazas de entre 13 e 18 anos e consiste nunha charla participativa en que se traballará a influencia da publicidade na elección dos agasallos de Nadal. Ademais, daranse a coñecer unhas nocións básicas sobre o etiquetado dos produtos, que deben ser tidas en conta para unha escolla segura e sen riscos (produtos electrónicos, téxtiles, videoxogos, etc.).

 

"Compra segura no Nadal" é a actividade dirixida ao publico adulto e consiste nunha charla participativa que pretende afondar nas vendas a distancia e nos dereitos das persoas consumidoras. Tamén se traballarán cuestións como o dereito de desistimento, garantías e vías de reclamación en caso de que os nosos dereitos se vexan vulnerados.

 

A duración estimada de cada actividade é de 60 minutos. Porén, esta e os contidos pódense adaptar ás necesidades educativas especiais ou ás demandas específicas de cada colectivo, o que se debe sinalar de xeito específico no formulario de inscrición. O horario de realización é de luns a venres, de mañá e de tarde.

 

Pódese obter máis información sobre o programa InfoNadal Consumo na seguinte ligazón:  https://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades/infonadalconsumo

 

Nesta ligazón pódese descargar o folleto informativo do programa

 

O formulario de inscrición está dispoñible aquí

 

Para formular calquera dúbida ou cuestión, pódese tamén contactar coa Escola Galega do Consumo nos seus teléfonos 881 999 075 e 881 999 091 ou a través do correo electrónico igc.escuela [at] xunta.es (igc[dot]escuela[at]xunta[dot]es)

Área temática

Galería de imaxes