Santiago de Compostela, 18 de Decembro de 2020.-

Con motivo da chegada destas festas de Nadal e do agasallo de xoguetes ás nenas e aos nenos nestas datas, a Xunta de Galicia lembra a importancia de mercar xoguetes e grilandas que sexan seguras. Para iso, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) recolle as inscricións que estes produtos deben levar de forma visible, lexible e permanente e que se deben comprobar antes de mercalos e de que a nena ou neno os use no caso dos xoguetes.  

Ademais, o Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a análise deste tipo de produtos, leva a cabo contros sobre os xoguetes, produto de consumo masivo nestas datas, e entre eles, nos xoguetes eléctricos para menores de 3 anos, nos que incorporan proxectís con ventosas, naqueles que emiten son, e nas grilandas luminosas. Deste xeito, garántese ao máximo a protección das persoas consumidoras galegas durante o Nadal.

 

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes, o IGCC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Sobre esta base, resulta fundamental comprobar que dispoñen do marcado CE e que sexan acomodados á idade e ás habilidades da nena ou neno.

 

Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo da persoa responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, e especialmente en xoguetes destinados a nenos menores de 3 anos, non adquirir xoguetes de baixa calidade.

 

Consellos para mercar grilandas luminosas

Á hora de mercar as grilandas o IGCC resalta tamén unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade destas. Sobre esta base, resulta fundamental comprobar igualmente que dispoñen do marcado CE e que na etiqueta figura o nome e o enderezo da persoa ou empresa responsable.

 

E en todo caso, recoméndase seguir as instrucións de uso que figuren no envase e comprobar que son adecuadas para a zona en que se van empregar. Cómpre lembrar que deben de levar a etiqueta e as instrucións polo menos en castelán. As grilandas luminosas deben indicar entre outras características a potencia máxima, a tensión asignada e o símbolo da natureza da súa alimentación. E importante que indiquen se son clase II ou III e se son para uso interior ou exterior. As grilandas destinadas para uso exterior deben ter un grao de protección  IP44 ou superior.

 

Para calquera dúbida a maiores os consumidores poden chamar ao teléfono gratuíto 900231123 ou consultar a web https://consumo.xunta.gal

Temática:
ProdutosXoguetes