A Xunta potencia con novos encontros con asociacións o proceso participativo na futura estratexia de protección das persoas consumidoras
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, mantivo esta semana en Lugo unha reunión co presidente de Facua Galicia, Víctor Muñoz, en relación coa nova Estratexia de protección das persoas consumidoras e usuarias. Esta xuntanza forma parte do proceso participativo e de escoita activa coas organizacións de persoas consumidoras e usuarias para lanzar a nova folla de ruta en correspondencia cos pasos que se están a dar a nivel europeo e nacional.
Neste sentido, súmase ás celebradas con representantes da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema, da Unión de Consumidores de Galicia e da Federación Galega Euroconsumo. Tamén forma parte da colaboración da Xunta con estas entidades a prol da atención ás persoas consumidoras. Neste ámbito, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas así como co teléfono de balde 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 h e de 17,00 a 19,00 h de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.
Apoios ás asociacións
Neste ámbito, o Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a convocatoria de 2026 de apoios ás organizacións de persoas consumidoras —asociacións e federacións— para realizar actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo. A elas o Goberno galego destina 165.000 euros e son para apoiar gastos de persoal, alugueiro e de funcionamento, entre outros. As entidades interesadas poderán solicitalas desde o vindeiro 20 de febreiro ata o 19 de marzo.