A Xunta potenciará o consumo dos produtos do mar frescos a través do proxecto "MAR ACHEGA"
O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro, e a presidenta do Instituto Galego de Consumo, María Nava Castro Domínguez, presentaron esta mañá o proxecto Mar achega , un programa de actividades pensado para amosar á poboación do interior de Galicia o sistema de extracción e primeira venda dos produtos da pesca artesanal capturados nas augas interiores de Galicia aos consumidores finais. Mar achega pretende transmitir a singularidade do traballo colectivo dos profesionais do mar e fomentar a valoración do seu traballo recoñecendo a calidade dos produtos e as súas bondades.
Segundo explicou o responsable de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, a proposta é un programa piloto que consiste na realización de 10 visitas ás lonxas de diferente portos do litoral galego para promover o coñecemento e consumo dos produtos da pesca de baixura e do marisqueo aos participantes. Os destinatarios desta acción son persoas pertencentes a diferentes asociacións de consumidores de localidades do interior das catro provincias galegas, sendo 50 persoas por visita. Dita visita inclúe a asistencia a unha poxa, a visita a puntos de extracción e depuración así como a degustacións de produtos á par que se difunde o patrimonio marítimo pesqueiro da zona de destino.
Maneiro recalcou que obxectivo deste proxecto piloto obedece a unha das liñas prioritarias de Mar: a potenciación do consumo de peixe fresco e amosar as bondades da súa comercialización . O director xeral dixo que unha das liñas básicas para promover o consumo de peixe é coñecelo, e o mellor xeito de que a xente coñeza a súa orixe e a súa comercialización e achegándoos ao produto e á realidade do facer diario das xentes do mar .
O responsable de Competitiviade e Innovación Tecnolóxica incidiu tamén na importancia de consumir produtos que pasen todos os controis hixiénicos- sanitarios tal e como garante o sistema de comercialización e depuración empregados en Galicia e adquiridos polas vías comerciais ordinarias e legais .
Colaboración do IGC
A Consellería de Mar destinará a esta actividade un total de 46.290 euros, coa intención de avaliar o seu resultado e promover un consumo responsable dos produtos do mar. Con esta iniciativa colabora o Instituto Galego de Consumo que aporta tanto os contactos coma a organización dos participantes na actividade.
Dentro das actuacións do acordo entre a Consellería do Mar e mais o IGC está contemplada unha actividade concreta sobre o etiquetado dos produtos do mar que se completará coas visitas físicas ás lonxas.
Calendario de visitas
As visitas vanse desenvolver ao longo dos meses de outubro e novembro. A primeira delas terá lugar este luns 19 de outubro en Pontevedra e acudirán asociacións de Melide e A Estrada cunha visita aos bancos marisqueiros extractivos, degustación de produtos do mar, visita á lonxa e a un centro de depuración. A esta visita acudirá a conselleira do Mar, Rosa Quintana. e a presidenta do Instituto Galego de Consumo, María Nava Castro Domínguez.
As demais visitas son as seguintes:
- 21/10 visitan Cambados asociacions de Melide e A Estrada
- 22/10 visitan Cambados asociacions de Ourense Ribadavia e Verín.
- 26/10 visitan Cariño asociacions de Monterroso e Palas de Rei.
- 27/10 visitan Vigo asociacions de Ourense e Ribadavia .
- 2/11 visitan A Coruña asociacions de Lugo.
- 4/11 visitan Lira asociacions de Santiago de Compostela.
- 5/11 visitan a localidad de O Grove asociacions de Ourense, Ribadavia e Verín.
- 6/11 visitan Cambados asociacions de Santiago de Compostela.
- 10/11 visitan Fisterra asociacions de Frades ( A Coruña).