A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe en Santiago as actividades que desenvolve a Escola Galega do Consumo que ao longo de 2107 levou a cabo 504 actividades nas que participaron máis de 18.300 persoas
Con motivo do Día mundial das persoas consumidoras e usuarias, que se celebra o día 15 de marzo, Vázquez indicou que a divulgación e a información son clave para a protección efectiva dos consumidores
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) tramitou o pasado ano un total de 17.480 reclamacións dos consumidores abríndose 1.605 expedientes sancionadores
Santiago de Compostela, 13 de Marzo de 2018.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe as actividades que realiza a Escola Galega do Consumo, emprazada en Santiago, onde sinalou a importancia de formar desde idades temperás sobre dereitos e responsabilidades para exercer un consumo responsable. Con motivo do Día Mundial das persoas consumidoras e usuarias, que se celebra o 15 de marzo cada ano, Vázquez indicou que a divulgación e a información son clave para a protección efectiva dos consumidores.

Neste senso, a directora xeral puxo en valor o labor que desenvolve neste eido a Escola Galega do Consumo que ao longo de 2017 levou a cabo 504 actividades nas que participaron máis de 18.300 persoas. Hoxe visitaron a Escola 36 alumnos e alumnas do Centro Público Integrado Covaterreña de Baiona (Pontevedra) que participaron en dous obradoiros. Un primeiro grupo asistiu na aula de publicidade a un taller sobre resolución de conflitos de consumo, onde se expuxeron os dereitos dos consumidores e as claves dos procedementos de mediación e arbitraxe, ao tempo que simularon a presentación e resolución dunha reclamación. Un segundo grupo levou a cabo un obradoiro sobre a compra responsable no supermercado, onde se lles explicou aos alumnos os pasos a seguir antes, durante e despois de mercar.

Vázquez, ademais, sinalou que a Xunta traballa para mellorar a calidade do servizo aos consumidores galegos e salientou o intenso traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) que ao longo de 2017 tramitou un total de 17.480 reclamacións dos consumidores, das que case un terzo (30,49%) estiveron relacionadas coa telefonía. Abríronse, ademais, 1605 expedientes sancionadores, cuxas sancións propostas sumaron 11,6 millóns de euros. Así mesmo, emitíronse preto de 1480 laudos arbitrais.

A directora xeral, para rematar, resaltou tamén a importancia de incrementar a prevención de riscos para as persoas consumidoras, como o impulso de Códigos de Boas prácticas sectoriais, ou campañas de control dos novos formatos de consumo que están a xurdir.

Temática:
Outros