As actuacións desenvolvidas polo Instituto Galego de Consumo permiten clarificar este mercado e avanzar na defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios
Tras detectar incumprimentos nun 83% dos establecementos, realizouse unha segunda visita na que se constatou unha importante redución dos mesmos
O 53% dos locais que non expoñían o prezo do metal precioso xa o fan, mentres que o 95% dos que non tiñan follas de reclamacións xa corrixiron esta situación
Os locais que non tiñan balanzas aptas para transaccións comerciais solucionárono nun 73% dos casos
Ata a data iniciáronse 86 expedientes sancionadores a establecementos nos que persistían as irregularidades
Santiago, 27 de Febreiro de 2013.-

A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, destacou esta mañá en rolda de prensa que as actuacións desenvolvidas polo Instituto Galego de Consumo nos establecementos de compravenda de metais preciosos e casas de empeño teñen permitido corrixir o 78% das principais irregularidades detectadas, avanzando así na protección dos dereitos dos consumidores e usuarios.

Vázquez Abeal, acompañada pola xerente do IGC, María Jesús Muñoz, explicou que nunha primeira fase da campaña se inspeccionaron un total de 209 establecementos, máis do 72% dos que se ten constancia, detectando incumprimentos no tocante á normativa de Consumo nun 83% dos mesmos.

Así, no 65% dos locais non se expoñía o prezo do metal precioso por unidade de medida, mentres que nun 48% dos establecementos aos que acudiu a Inspección as balanzas non eran aptas para transaccións comerciais, por non ter o marcado CE ou a etiqueta metrolóxica ?M? verde, que garante que o seu funcionamento é correcto. Ademais, nun 19% non existían follas de reclamacións oficiais, e nun 21% non había un cartel informativo anunciando a dispoñibilidade das mesmas.

Nunha segunda visita aos establecementos con incumprimentos, aos que se informou das obrigas existentes en relación cos dereitos dos consumidores e usuarios, puido comprobarse que o 53,3% dos que non expoñían o prezo do metal precioso xa o facían e que o 95% dos que non tiñan follas de reclamacións xa corrixiran esta situación. Do mesmo xeito, o 91% dos establecementos que non contaban co cartel informando da existencia das mesmas xa o incorporaran, ademais de corrixir as balanzas nun 73% dos casos.

Tal e como explicou a directora xeral de Comercio, a campaña continúa aberta no tocante á tramitación de sancións, iniciándose ata a data un total de 86 expedientes a locais nos que persistían as infraccións, en base á Lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Ademais, informouse ás Comisarías de Policía e da Garda Civil dos feitos detectados que poderían constituír un delito, tras comprobar se os establecementos dispoñían de libro de rexistro foliado e selado pola comisaría da Polícia Nacional, e se o local dispoñía dos produtos rexistrados nos últimos 15 días, tal e como marca a normativa, ademais de se contaba coa xustificación documental das últimas 5 operacións rexistradas.

Vázquez Abeal salientou que esta pioneira campaña, que ten permitido clarificar o mercado deste tipo de establecementos, contou coa cooperación da Delegación do Goberno e as Subdelegacións de Goberno, as forzas de seguridade, incluíndo á Policía Nacional e Autonómica e a Garda Civil, así como o Colexio Oficial de Xoiería e a Federación Galega de Xoiería, Pratería e Reloxería, así como o Laboratorio de Consumo de Galicia, dependente do IGC.

Temática:
ComprasPrezos
ProdutosTéxtil calzado e complementos