A Escola Galega de Consumo acolle un encontro de traballo do proxecto europeo SERVE, do que forma parte xunto con entidades de Hungría, Eslovaquia, Irlanda, Noruega, Polonia, República Checa e Turquía.
Achega a súa experiencia na formación do voluntariado para aproximar o uso do comercio electrónico ás persoas maiores e con discapacidade a través do simulador de compras.
Santiago, 11 de Novembro de 2013.-

O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, acolle un encontro de traballo do proxecto europeo SERVE, no que está a participar con entidades de sete países e que ten por obxectivo fomentar as boas prácticas de voluntariado no ámbito da formación.

O IGC centra a súa achega ao proxecto na súa experiencia ofrecendo formación específica a través da Escola Galega de Consumo a entidades de voluntariado que solicitan colaboración formativa en temas de consumo responsable e dereitos das persoas consumidoras. Neste sentido, durante a apertura do encontro a directora xeral de Comercio e presidenta do IGC, Sol Vázquez Abeal, destacou a importancia da formación para a protección efectiva dos dereitos dos consumidores e usuarios, lembrando que a Escola Galega de Consumo ofrece cada ano formación a máis de 10.000 persoas cada ano.

No tocante ao eido do comercio electrónico para impartir formación aos colectivos de persoas maiores e discapacitados, a Escola conta co simulador de compras na rede, unha ferramenta que pon a disposición do usuario unha tenda virtual e que permite traballar distintos aspectos como o pagamento por internet e outros relacionados cos dereitos dos consumidores, entre os que se atopan o etiquetado dos produtos, as vendas a distancia, a publicidade, a protección de datos e a realización de reclamacións. Este simulador, foi deseñado polo persoal da Escola galega de Consumo, que ten sido solicitado por moitas Comunidades autónomas e entidades, e está a ser usado no programa de voluntariado dixital posto en marcha pola Amtega.

O proxecto europeo SERVE, que se desenvolve dentro do programa sectorial para a formación permanente de adultos, GRUNDTVIG, ten como finalidade realizar unha guía de formación, xestión e boas prácticas de voluntariado, así como la puesta en común de distintas experiencias de éxito en este campo en todos los países participantes .

A publicación consistirá nunha colección de estudos de casos e información sobre os métodos creativos de creación ou desenvolvemento de servizos voluntarios por socios do proxecto, centrándose nos aspectos prácticos de xestión de voluntarios. Ademais da Escola Galega de Consumo, participan entidades de Hungría, Eslovaquia, Irlanda, Noruega, Polonia, República Checa e Turquía.

No programa do encontro inclúense relatorios a cargo da Dirección Xeral de Voluntariado, do programa de Voluntariado Dixital (Voldix) da Xunta de Galicia, da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), coa que a Escola Galega de Consumo tamén está a colaborar no eido da formación para o consumo responsable, ou da compañía R, que tamén está a promover o voluntariado dixital en Galicia a través do programa "educa R".

Temática:
ComprasCompras en internet