As actividades centráronse na pirámide de alimentos, os xoguetes, a etiquetaxe e a linguaxe publicitaria.
Santiago de Compostela, 18 de Novembro de 2019.-

 

A Escola Galega do Consumo, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), desprazouse hoxe ata Cedeira para desenvolver varios obradoiros sobre consumo responsable no CEIP de Cedeira. As actividades estaban encadradas dentro do programa formativo permanente Cores sobre consumo responsable, aínda que tamén se impartiu un obradoiro do programa InfoNadal Consumo, que promove a reflexión sobre os hábitos de consumo e fomenta o consumo responsable ante as compras do período de Nadal. O alumnado de educación infantil e primaria participou nas actividades sobre a pirámide de alimentos, os xoguetes e as compras de Nadal, a etiquetaxe e  a linguaxe publicitaria.

O Programa Cores é un programa de formación permanente que se desenvolve ao longo de todo o ano cubrindo diferentes temáticas relacionadas co consumo responsable e os dereitos das persoas consumidoras. Para obter información (ou solicitar) as actividades do Programa Cores da Escola Galega do Consumo pódese consultar o apartado de formación da páxina web do IGCC  (https://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades/programa-cores)                                                                                                                                                           

No período de Nadal aumenta o nivel de consumo con motivo das celebracións propias destas datas e da compra de agasallos. Para promover a reflexión sobre os hábitos de consumo e fomentar un consumo responsable, a Escola Galega do Consumo ofrece cada ano o  programa InfoNadal Consumo, que abrangue tanto actuacións formativas, que se desenvolven en asociacións e centros escolares, como unha campaña de seguridade de xoguetes e produtos de decoración. Pódese obter máis información sobre InfoNadal Consumo na seguinte ligazón: 

 https://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades/infonadalconsumo

Para formular calquera cuestión pódese tamén contactar coa Escola Galega do Consumo nos seus teléfonos 881 999075 e 881 999091 ou a través do correo electrónico: igc.escuela@xunta.es.

Temática:
Outros