Novo sistema de reclamación dixital en materia de Consumo

Persoa escaneando o QR do cartel do asistente

A Xunta de Galicia pon en marcha un sistema de reclamación dixital en materia de consumo co obxectivo de axilizar este proceso e garantir a protección dos dereitors das persoas consumidoras.

A iniciativa dota de simplicidade, axilidade e eficacia o proceso de reclamación en materia de consumo, garantindo a defensa das consumidoras e consumidores e ofrecendo ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación cos seus clientes.

A través deste sistema, as persoas poderán presentar as súas reclamacións de maneira dixital a partir do escaneo dun código QR que estará á súa disposición no establecemento, e que as dirixirá a un formulario virtual no que cumplimentar os seus datos persoais e o motivo da súa reclamación, e será remitida de maneira electrónica á empresa.

De forma automática, recibirán un correo electrónico de constancia dando conta do día e da hora da presentación da súa reclamación ante o establecemento, e indicándolles que se abre un prazo dun mes para que a empresa lles remita contestación por calquera medio que permita a súa constancia.

Igualmente, o comerciante recibirá a reclamación no enderezo electrónico sinalado.

Transcorrido o prazo dun mes sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa consumidora poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e presentar unha nova reclamacióin a través do Asistente de reclamacións do IGCC, e que recolle os datos cubertos na súa primeira reclamación ante a empresa.