Nalgunhas ocasións acontecen cortes de enerxía eléctrica en diversos puntos dos concellos de Galicia. Ante esta situación, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) quere proporcionar información básica en relación coas reclamacións que se poidan presentar.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) pon á disposición de todas as persoas que poidan verse afectadas por cortes de luz todas as súas oficinas de Información ao Consumidor, para recibir toda a información que precisan e  asesoramento para proceder a tramitar as reclamacións oportunas. Para á atención presencial deberá solicitar cita previa (pode consultar a forma de solicitala neste enlace)

As persoas afectadas tamén terán información na páxina Web do IGCC e ademais de no teléfono anterior,  no teléfono de balde 900 231 123.

O máis axeitado é a presentación de dúas reclamacións: unha ao distribuidor e outra á comercializadora coa que se contrata a subministración eléctrica.

Para saber cal é o distribuidor e cal é a comercializadora, pode consultalo en calquera factura que teña. Respecto á comercializadora, sempre é o que lle cobra  a enerxía.

- As reclamacións por corte de subministración deberán dirixirse ao servizo de atención ao cliente da empresa distribuidora, que deberá responder nun prazo de 5 días hábiles para usuarios de menos de 15 kW contratados e 15 días hábiles para o resto. Se non recibe resposta nese prazo ou non está satisfeito, pode dirixirse á xefatura territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da súa provincia.

- As reclamacións por compensación de danos deberán dirixirse ao servizo de atención ao cliente da empresa comercializadora, que deberá responder nun prazo de 5 días hábiles aos usuarios de menos de 15 kW contratados e 15 días hábiles para o resto.  Se non recibe unha resposta nese prazo ou non está satisfeito, pode presentar unha reclamación ante o IGCC.

Para presentar a reclamación ante a comercializadora pode utilizar este formulario

 

CONTIDO DA RECLAMACIÓN.

As reclamacións deben conter a seguinte información:

1.-Datos da compañía distribuidora e/ou da empresa comercializadora
(veñen na factura eléctrica).
2.-Título, enderezo e código de subministración (CUPS), xunto cunha factura de electricidade.
3.-Indique os días e o período no que  se suspendeu a subministración eléctrica.
4.-Enviar unha copia de todas as facturas, fotografías e outras probas para poder dar fe dos danos.
5.-Descrición dos danos ocasionados e dos custos dos danos que puideron producirse, ademais dunha petición concreta do que se reclama.

PRESENTACIÓN DA RECLAMACIÓN ANTE O INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA.

Se realizada a reclamación ante a empresa comercializadora no obtén resposta ou non lle satisfai poderá presentar unha reclamación ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

No documento que se dirixa ao IGCC deberá achegar a reclamación presentada ante a empresa comercializadora, xunto coa documentación de que dispoña.

Para a presentación da reclamación ao IGCC poderá utilizar o asistente de reclamacións que hai na páxina web do instituto (pinchando aqui) ou ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento CO401 (pinchando aqui).