Arbitraxe de consumo

O Sistema Arbitral de Consumo, regulado polo Real decreto 231/2008, ten como finalidade atender e resolver con carácter vinculante e executivo para ambas as partes, as queixas ou reclamacións das persoas consumidoras e usuarias, sen prexuízo da protección administrativa e xudicial.

Quedan excluídos do obxecto de arbitraxe as seguintes situacións:

  • Aquelas nas que haxa resolución xudicial firme e definitiva
  • As materias inseparabelmente unidas a outras sobre as que as partes non teñan poder de disposición
  • As cuestións nas que deba intervir o Ministerio Fiscal
  • As cuestións nas que concorran intoxicación, lesión, morte ou existan indicios razoábeis de delito.

O Sistema Arbitral está composto pola Xunta Arbitral de Consumo e polos órganos arbitrais.

A Xunta Arbitral de Consumo de Galicia é un organismo vinculado directamente á Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Consumo. A súa sede está en Santiago de Compostela e está composta por unha presidencia e unha secretaría. Non obstante realízanse audiencias arbitrais nas sete grandes cidades de Galicia.

Para atender as solicitudes de arbitraxe constitúense órganos arbitrais, que son os órganos encargados de coñecer e ditar o laudo arbitral sobre cada cuestión sometida á arbitraxe.

En que consiste?

A arbitraxe de consumo é unha vía extraxudicial e voluntaria que permite resolver, dun xeito rápido, eficaz e gratuíto, os desacordos que poidan xurdir entre as persoas consumidoras/usuarias e as empresas.

As vantaxes da Arbitraxe de Consumo son:

  • Eficacia: resólvese mediante laudo arbitral, sen que faga falta acudir á vía xudicial ordinaria.
  • Gratuidade: a tramitación é de balde; soamente a práctica dalgunhas probas periciais, realizadas a petición da parte, pode supoñer algún pequeno custo.
  • Voluntariedade: ambas as dúas partes deciden libremente que sexa a Arbitraxe de Consumo quen resolva os seus desacordos.
  • Executividade: o laudo arbitral é de obrigado cumprimento, como se dunha sentenza se tratase.