A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no capítulo III do título II o que se entende por prezos privados. No artigo 50 do referido texto establécese que «Son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

A lexislación en materia de consumo, a través principalmente da Lei 44/2006, do 29 de decembro, de mellora da protección dos consumidores e usuarios, e da Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e usuario, recolle amplamente o dereito do consumidor e usuario á protección da súa saúde e dos seus intereses económicos e sociais. No cumprimento deste obxectivo, o Laboratorio de Consumo de Galicia actúa como órgano de apoio para empresas ou organismos preocupados por garantir a calidade e seguridade dos produtos que ofrecen, así como de particulares que os adquiran, para o que aplicará prezos privados de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei no seu artigo 51 sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, e publicados no Diario Oficial de Galicia.