Ademais dos dereitos recoñecidos ás persoas consumidoras na Constitución española e nas normas internacionais, comunitarias e estatais, as persoas consumidoras serán titulares dos dereitos  recoñecidos na Lei Galega de Protección Xeral das Persoas Consumidoras.

No caso de diferenza de interpretación sobre a aplicación das normas que, directa ou indirectamente, afecten aos dereitos das persoas consumidoras, aplicarase a máis favorable aos intereses dos consumidores e das consumidoras.

Así, son dereitos básicos das persoas consumidoras protexidas pola lei os seguintes:

  • A protección fronte aos riscos que poidan comprometer a súa saúde ou a súa seguridade derivados das relacións de consumo.
  • A protección dos seus lexítimos intereses económicos e sociais, en particular fronte a situacións de desequilibrio como as prácticas comerciais desleais ou abusivas, ou a introdución de cláusulas abusivas nos contratos.
  • En relación cos bens de natureza duradeira, as persoas consumidoras teñen dereito a que se lles garanta a funcionalidade dos devanditos bens durante un prazo mínimo razoable, de acordo co que se estableza na normativa aplicable.
  • A información clara, veraz e transparente sobre os diferentes bens, produtos e servizos e, de forma especial, sobre aqueles considerados como servizos básicos de interese xeral.
  • A formación, a educación e a divulgación en materia de dereitos das persoas consumidoras.
  • A representación dos seus intereses xerais a través das organizacións de persoas consumidoras legalmente constituídas e a audiencia en consulta e a participación destas no procedemento de elaboración das disposicións xerais que os afecten directamente na forma que legalmente se estableza.
  • A protección xurídica, administrativa e técnica mediante procedementos eficaces, especialmente nas situacións de inferioridade, subordinación, indefensión ou discriminación.
  • A reparación e a indemnización dos danos e perdas sufridos.
  • Ser tratados/as con corrección, consideración e respecto nas relacións de consumo.
  • Poder usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co previsto no ordenamento xurídico.