A resolución da controversia a través do Sistema Arbitral de Consumo, pode facerse na propia folla de reclamación.

Non obstante, nas xuntas arbitrais de consumo facilitaránselles ás persoas consumidoras e usuarias que consideren vulnerado algún dos dereitos que legal ou contractualmente lles son recoñecidos modelos normalizados para que poidan formular unha solicitude de arbitraxe a través dun escrito, que permita ter constancia tanto da propia solicitude como da súa autenticidade.

É importante consignar os seguintes datos: nome, apelidos, enderezo, lugar sinalado para os efectos de notificacións e nacionalidade da persoa solicitante e, de ser o caso, tamén da persoa representante; número do documento nacional de identidade do solicitante, de tratarse dunha persoa con cidadanía española, ou, se é unha persoa estranxeira, número de identidade do estranxeiro ou, no seu caso, número do pasaporte ou documento da viaxe; nome e apelidos ou razón social, enderezo e, se for coñecido, enderezo para efectos de notificacións da parte reclamada, así como calquera outro dato que permita a identificación completa da persoa reclamada; breve descrición dos feitos que motivaron a controversia, xunto con expresión igualmente concisa das pretensións da persoa reclamante (debe determinarse, se así for posible, a contía) e os fundamentos en que basea a súa reclamación; se a houber, copia do convenio arbitral; de existir oferta pública de adhesión á arbitraxe en Dereito, indicación de se se presta conformidade para que se resolva con base neste principio; lugar, data e sinatura, sexa esta convencional ou electrónica. Xunto á solicitude, a persoa reclamante tamén poderá (e, de feito, é recomendable) achegar probas (contratos, facturas, comunicacións) ou requirir aquelas que considere oportunas para facer valer os seus dereitos. Sempre se deixa aberta a posibilidade de que as persoas reclamantes fagan figurar na solicitude un maior número de informacións, relacións de feitos ou documentos cando así o estimen máis convinte para os seus intereses.