Ante a situación de peche dos centros de depilación láser e estética IDEAL o Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Xunta de Galicia recomenda ás persoas afectadas:

 

1.- RECOMPILACIÓN DE INFORMACIÓN:

O primeiro que debes facer é buscar toda a documentación e xustificantes da que dispoñas, que podería ser:

  • Publicidade, folletos informativos ou ofertas recibidas
  • Orzamentos realizados
  •  Confirmación documental da relación de consumo (tíckets de pago, correos electrónicos confirmando a contratación ou o contrato)
  • Xustificantes do pago  ou pagos efectuados (tíckets, factura, movementos bancarios...)
  • Historia clínica, de ser o caso
  • Resto de documentación da que dispoña (xustificantes da cita, mensaxes ou correos electrónicos da clínica, etc… )

No caso de existir un crédito vinculado para o financiamento do tratamento, a maiores da documentación anterior:

  • Contrato de crédito vinculado ao tratamento
  • Certificación bancaria das cantidades aboadas do crédito
  • Resto de documentación da que dispoñas (publicidade, ofertas..)

2.- COMO RECLAMAR

Para informarse de como reclamar, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia pon a disposición o teléfono gratuíto 900 23 11 23, o correo electrónico igc.informacion@xunta.gal e as súas oficinas presenciais de información ás persoas consumidora existentes nas principais vilas galegas.

En calquera caso, na medida en que os centros de actividade da empresa están pechados, resulta aconsellable presentar unha reclamación ante a empresa por calquera medio que permita a súa constancia (enderezo web, domicilio social ou mesmo redes sociais (@centrosideal))

No suposto das persoas que obtiveron un financiamento para a realización do seu tratamento, a reclamación tamén deberá dirixirse á entidade financeira.

Neste caso, a reclamación debe incluír:

  • Descrición detallada do acontecido, argumentando o peche do establecemento e a suspensión do tratamento.
  • A concreción do que se solicita, isto é, a suspensión dos pagos periódicos pendentes de cobro así como a anulación do contrato asinado, por incumprimento deste, a devolución dos importes aboados e, de ser o caso, do importe dos tratamentos non realizados.

En todos os casos, con financiación ou non,  as persoas afectadas poden esixir que se executen os servizos previamente contratados, que se rematen os tratamentos xa iniciados ou que se devolvan as cantidades aboadas polos tratamentos non rematados (na parte non executada).

 

3.- OUTRA INFORMACIÓN

Se a entidade financeira non atendera as peticións da persoa afectada, podería presentar unha reclamación ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Por outra banda, a persoa afectada debe saber que pode acudir a vía xudicial sen necesidade de presentar reclamación administrativa previa.

Finalmente, indicar que se a empresa solicita o concurso de acredores e este se aceptase, no momento da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) designarase unha Administración Concursal que fará chamamento ás persoas ou entidades acredoras para que comuniquen os seus créditos no prazo dun mes dende a dita publicación.

Esta información actualizarase periodicamente.