O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta actividade que hoxe chegou ao CEIP da Xunqueira de Pontevedra e ao CEIP Plurilingüe Albino Núñez de Ourense e que finalizará mañá
A iniciativa ten por obxectivo ofrecer pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro dos produtos máis consumidos polos rapaces a rapazas durante a festa do Samaín como disfraces, máscaras, perrucas, pinturas faciais ou artigos de broma
Pontevedra, 30 de Outubro de 2023.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta mañá na iniciativa que a Xunta de Galicia desenvolveu no CEIP A Xunqueira de Pontevedra Un Samaín libre de medos coa finalidade de divulgar a actividade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia nas súas tarefas de vixilancia do mercado e informar sobre a importancia da seguridade e o etiquetado dos produtos. Cento dezanove nenos da etapa infantil tiveron a oportunidade de coñecer as principais recomendacións sobre os produtos mercados nestas datas, así como realizar unha actividade de grupo con contacontos.

A iniciativa da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, está dirixida ao alumnado de infantil e primaria e estase a desenvolver en vintenove centros escolares das catro provincias galegas desde o 16 de outubro ata mañá, 31 de outubro.

Ata o momento, teñen participado preto de dous mil alumnos, entre os que figuran, o CEIP A Xunqueira de Pontevedra e o Ceip Plurilingue Albino Núñez de Ourense, que hoxe acolleron a actividade. O programa continuará máña nos centros EEI Os Anxeles de Brión, o CRA Caldas de Reis, o EEI Pontecesures e o CPI Plurilingue Castro Verde.

Desde o Instituto Galego do Consumo e da Competencia recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

Lémbrase tamén que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e a marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesarias para realizar calquera reclamación posterior.

Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se poidan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Os traxes que non sexan axeitados para menores de 3 anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. En canto ás máscaras, débese comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo.

En todo caso, o Instituto Galego do Consumo -a través da inspección de Consumo e o Laboratorio de Consumo- realiza unha permanente labor de vixilancia do mercado para garantir a seguridade dos produtos ofertados.

Temática:
ProdutosXoguetes