 No marco da campaña impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, o 9 de decembro desenvolveranse encontros na Casa do Mar de Ribadeo ás 12.00 horas, no salón de actos do Cenima de Foz desde as 16.00 horas, e na Casa da Xuventude de Mondoñedo a partir das 18.30 horas
 Informarase aos consumidores sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria
 A iniciativa, que chegará a 16 concellos lucenses, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico
 Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais
Santiago de Compostela, 7 de Decembro de 2016.-

A campaña Dálle luz á túa factura, que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo venres, 9 de decembro, aos concellos lucenses de Ribadeo, Foz e Mondoñedo, onde se celebrarán xornadas informativas para achegar aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.

 

A charla programada en Ribadeo será ás 12.00 horas no salón de actos da Casa do Mar (rúa Clemente Martínez Pasarón, s/n); mentres que a correspondente ao municipio de Foz será ás 16.00 horas no salón de actos do Cinema (Paseo da Ribeira, s/n). Por último, o salón de actos da Casa da Xuventude de Mondoñedo (rúa Pacheco, 5) acolle, desde as 18.30 horas, o terceiro encontro do día.

 

Nestas charlas farase ademais fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. As xornadas informativas da iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, chegarán a máis de 70 concellos galegos, 16 na provincia de Lugo.

 

Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. Estas ferramentas complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
SubministrosElectricidade