“A procura da excelencia na vixilancia do mercado: A aplicación Cebra” é o proxecto gañador na edición do 2020, na categoría “Identificación de oportunidades”
Santiago de Compostela, 19 de Decembro de 2020.-

O día 15 de decembro de 2020, celebrouse en Santiago de Compostela a entrega da segunda edición do Premio Empregados/as Públicos/as Innovadores/as establecido no marco do Programa Integral de Impulso da Compra Pública de Innovación (Innpulsa CPI), que convoca anualmente a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. A finalidade desta iniciativa é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servicio da Xunta de Galicia que fan posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía. No acto de entrega, estiveron presentes o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde López; a presidenta do GAIN, Pilar Argerey Vilar; o director xeral da Función Pública, José María Barreiro Díaz; o director do IGCC, Manuel Heredia Pérez, así como os membros do xurado: Dolores López Beiro, técnico do Departamento de Xestión da Innovación; José Liñeira, letrado da Asesoría Xurídica de Economía e Innovación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e Sergio Capitán, director de la Oficina de Compra Pública Innovadora de CDTI, quen participou a través da conexión online.

O proxecto “A procura da excelencia na vixilancia do mercado: A aplicación Cebra” presentado por Juana Ferreiro López-Riobóo e María Lourdes Veira Rabuñal, persoal do Laboratorio de Consumo de Galicia, foi o seleccionado como gañador dos 20 proxectos presentados na categoría “Identificación de oportunidades”.

O traballo galardoado presenta a ideación dunha aplicación para teléfono móbil como ferramenta de transformación dixital que é tecnolóxica, transversal e catalítica; coa que se busca a excelencia no campo da vixilancia do mercado, labor que desenvolve o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), do que o Laboratorio de Consumo de Galicia forma parte.

O deseño desta ferramenta prioriza a eficacia na transmisión da documentación dunha forma segura, co uso da sinatura electrónica, e ecolóxica, coa redución do uso do papel; promociona a publicación do desenvolvemento das campañas de control de mercado para informar á cidadanía en tempo real gracias a xeolocalización e mapeo das labores de inspección; e establece as canles para xerar sinerxías na detección de produtos inseguros, gracias a colaboración e ao intercambio de información entre os centros de Saúde, as unidades de Consumo e os grupos de traballo europeos do Comité Europeo de Normalización (CEN) dos que o Laboratorio forma parte; grupos de traballo nos que se desenvolve a normativa técnica baixo os mandatos da Comisión e nos que é imprescindible o uso de estatísticas de produtos á disposición das persoas consumidoras relacionados con ingresos hospitalarios. Esta sinerxía favorece tamén a consecución dunha necesaria colaboración internacional, tal e como se sinala no novo marco 2021-2027 da estratexia de especialización intelixente RIS3.

A aplicación CEBRA é unha ferramenta innovadora e útil que podería favorecer a sempre difícil labor inspectora.

Temática:
Outros