Cando teñas un problema relativo ao teu subministro de luz, poderás dirixirte á túa comercializadora, a cuxos efectos a compañía ven obrigada a por a túa disposición unha dirección postal, un servizo de atención telefónica con un número gratuíto, un número de fax o unha dirección de correo electrónica á que te poidas dirixir directamente.

Cando se trate dun problema co subministro, podes contactar directamente coa empresa distribuidora a través do servizo de avarías 24 horas.

Cando se trate dun problema coa facturación, terás que dirixirte á comercilizadora, e presentar a correspondente reclamación ante o servizo de atención ao cliente da compañía, o que poderás facer vía telefónica ou presentando a folla de reclamación na súa oficina. Lembra, se presentas a reclamación vía telefónica, solicitar sempre o número de incidencia.

Recorda que a normativa galega establece un prazo máximo dun mes para dar resposta ás reclamación de calquera consumidor, contado dende a súa presentación.

Asemade, cando se trata de reclamación relacionadas coa continuidade do subministro, a compañía debe darche unha resposta no prazo de 2 horas.

Así mesmo, a normativa específica do sector eléctrico establece un prazo de 5 días hábiles, para dar resposta ás reclamacións que presentes relativas a medida do consumo, ás facturas emitidas ou sobre os cortes indebidos, cando se trate de subministros con potencia inferior a 15 kw. No seu defecto, deberá indemnizarte con 30 euros por reclamación.

Tamén poderás dirixirte ante unha Organización de consumidores, onde poderán asesorar e tramitar a reclamación no teu nome.

Se presentada a túa reclamación ante a compañía e transcorrido un mes dende a presentación, esta non che remitiron unha resposta ou fose desfavorable, poderás dirixirte ao  Instituto Galego de Consumo, quen fará de mediador entre ti e a empresa. En todo caso, tamén podes dirixirte a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do teu concello, que é un servizo de información e orientación ao consumidores, así como de mediación en materia de consumo,

Debes saber que a controversia tamén poderá ser resolta a través do Sistema Arbitral de Consumo, mediante o que se poden resolver calquera conflito que afecte aos teus dereitos como consumidor, con independencia da contía. Este é un procedemento voluntario e gratuíto para ambas as partes mediante o cal un órgano arbitral emite unha resolución sobre a controversia prantexada (laudo). En todo caso, se ambas partes decidides sometervos a este procedemento debes saber que a resolución é vinculante e ten carácter executivo para ambos.  

Actualmente, atópanse adheridas a arbitraxe de consumo en dereito as compañías eléctricas do grupo GAS NATURAL FENOSA (Gas Natural S.U.R., SDG, S.A.; Gas Natural Servicios, SDG, S.A. ) e as compañías IBERDROLA COMERCIALIZACIÓN DE ÚLTIMO RECURSO, S.A.U. e IBERDROLA CLIENTES S.A.U.

Para aqueles supostos de que a empresa non estea adherida ao sistema arbitral, presentada a solicitude de arbitraxe daráselle traslado para que no prazo de 15 días manifeste se acepta resolver o conflito mediante a arbitraxe ou se rexeita someterse a este procedemento.

Finalmente, tamén poderás dirixirte á DIRECCIÓN XERAL DE ENERXÍA, que se atopa integrada dentro da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia[1], que dispón dun servizo de atención aos consumidores de enerxía e no caso de que non sexa competente para a tramitación da consulta, queixa ou reclamación formulada dará traslado da mesma ao órgano competente e informaráseche tanto a ti como á empresa reclamada. Ou a Dirección Xeral de Industria[2], Enerxía e Minas, integrada dentro da Consellería de Economía e Industria

[1] Dirección de contacto: COMISIÓN NACIONAL DE LOS MERCADOS Y DE LA COMPETENCIA. SECIÓN DE ENERGÍA Área de Consumidores (Antes CNE). C/Alcalá, 47.28014. Madrid.

[2] Dirección de contacto: CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA (Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas), San Caetano, s/n. 15701. Santiago de Compostela.

Temática:
SubministrosElectricidade