O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañou ao alumnado da Casa do Neno de Santiago que visitou as instalacións do ICGG, onde realizaron diferentes actividades para coñecer os seus dereitos como persoas consumidoras
Esta mesma semana alumnado da Compañía de María da Coruña comprobou no Laboratorio de Consumo de Galicia como se aplican á seguridade e á calidade dos produtos de consumo as metodoloxías que rexen o traballo tecnolóxico
Santiago de Compostela, 22 de Marzo de 2023.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acompañou esta mañá a estudantes de 6º de primaria do centro educativo compostelán Casa do Neno que hoxe coñeceron a actividade do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) dentro das actividades programadas con motivo da Semana da Administración Aberta.

Ao longo da visita, o alumnado coñeceu en persoa o traballo do Instituto, e como ser persoas consumidoras máis conscientes, responsables e críticas. Mediante dúas actividades lúdico didácticas comprobaron que artigos ou produtos que se poden atopar cada día no mercado poden ser inseguros, e fixeron unha pequena compra no supermercado co que conta a Escola Galega de Consumo para este tipo de iniciativas formativas. Ademais, coñeceron os pasos a seguir no caso de ter que facer valer os seus dereitos como persoas consumidoras.

Por outra banda, esta mesma semana o Laboratorio de Consumo de Galicia, situado na Coruña, recibiu nas súas instalacións aos alumnos de STEM Bach da Compañía de María da cidade, que puideron coñecer de preto o traballo que desenvolven os diferentes departamentos do laboratorio.

O Laboratorio de Consumo de Galicia, que recibiu en dúas ocasións o premio aos funcionarios innovadores da Xunta de Galicia, supón un contacto real para os estudantes con inquedanzas científicas que ven como se aplican á seguridade e á calidade dos produtos de consumo as metodoloxías que rexen o traballo tecnolóxico. Unha mostra da innovación realizada no Laboratorio de Consumo e que puideron comprobar in situ é a utilización da tecnoloxía 3D que se empregan para fabricar pezas que permiten ampliar as análises dispoñibles.

Temática:
Outros